lunes, 10 de junio de 2013

Subvencións para a execución de proxectos para actividades de educación para o desenvolvemento que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
 
Publicación en DOG número 109 do día luns 10 de xuño de 2013
Finaliza prazo de presentación o día mércores 10 de xullo de 2013
 
ORDE do 29 de maio de 2013 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos para actividades de educación para o desenvolvemento que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.
 
Artigo 1. Obxecto
Estas bases regulan a concesión de subvencións para actividades desenvolvidas dentro das catro dimensións que forman parte da educación para o desenvolvemento:
a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.
b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.
c) Investigación sobre o desenvolvemento.
d) Mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.
Artigo 2. Entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento e agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación definidos na Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.
Artigo 3. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e requisitos dos proxectos
3.1. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes (organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento):
a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento (sección A: Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento) con, polo menos, un ano de antelación ao día de publicación da convocatoria.
b) Xustificar, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para a presente convocatoria, as axudas recibidas para as anualidades 2011 e anteriores, por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de educación para o desenvolvemento. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso nos casos en que, sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.
c) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Ter sede, domicilio social ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Entenderase por delegación permanente aquela que conte con persoal da organización e local fixo onde realicen as súas actividades. Neste caso, a devandita delegación asumirá a responsabilidade directa na presentación da solicitude e comprometerase ao mantemento da documentación, a contabilidade e a coxestión do proxecto na súa oficina de Galicia, entendendo por esta a participación en, polo menos, a identificación, formulación, seguimento e avaliación do proxecto. Así mesmo, as entidades beneficiarias deben manter aberta a súa sede ou delegación permanente en Galicia, como mínimo, ata a prescrición do proxecto; é dicir, por un período de catro anos desde a finalización da súa execución. En caso contrario, o incumprimento comportará a obriga de devolución do importe da subvención concedida.
e) Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados pola entidade solicitante, agrupada con calquera das entidades definidas como axentes de cooperación segundo o artigo 23.1, alíneas b), c), d), e), f), g) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, que cumprindo os requisitos anteriores se presenten agrupadas. Neste caso, cada unha das entidades deberá cumprir os requisitos sinalados anteriormente, e deberá xuntar á solicitude a documentación a que se refire o artigo 5.2 –carpeta 1– destas bases reguladoras, así como o contrato ou acordo de colaboración asinado entre as persoas que teñan a súa representación legal, polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención.
Os axentes de cooperación que pola súa natureza xurídica posúan ánimo de lucro achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación, segundo o artigo 23.b) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento. O devandito documento estará asinado pola persoa que teña a representación legal da entidade.
No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como o importe da subvención que executará cada unha delas. As entidades agrupadas asumen a responsabilidade solidaria do proxecto e designarán unha persoa como responsable con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponderían á agrupación de entidades, e que necesariamente pertencerá á entidade solicitante. Así mesmo, designarán un enderezo único para os efectos de notificacións administrativas dos expedientes. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do proxecto.
Non se considerarán agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación á cal pertenza a devandita organización, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.
f) As entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos. Financiarase a cada entidade un único proxecto individual ou dous sempre que, polo menos, un deles sexa en agrupación. Ademais, permitirase a presentación dun terceiro proxecto en agrupación que poderá ser financiado cando se trate dun proxecto de investigación para o desenvolvemento e que inclúa na agrupación un departamento das Universidades do Sistema universitario de Galicia.
3.2. Requisitos dos proxectos:
a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2013, sendo necesario que o seu inicio sexa no propio ano 2013. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, os proxectos deberán executarse antes do 30 de decembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, os proxectos deberán executarse antes do 30 de novembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.
b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia; quedarán excluídos deste requisito os proxectos de investigación para o desenvolvemento.
c) Que non vaian dirixidas exclusivamente aos membros (socios/as, traballadores/as, voluntarios/as, directivas) da propia organización.
d) No caso dos proxectos de investigación para o desenvolvemento en que participen as universidades como membros dunha agrupación, estes deberán estar dirixidos por un/unha doutor/a e non poderán servir para a identificación e formulación de proxectos nin para a avaliación de proxectos de cooperación financiados con cargo a fondos públicos que recollan unha partida específica destinada a gastos de avaliación.
Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes
As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (rúa dos Feáns, 5 baixo, 15706 Santiago de Compostela), cubertas nos modelos que figuran como anexos destas bases reguladoras. Estas deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Neste caso, a documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o seguinte día ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario